Un ano máis e seguindo a tradición, a asociación Down Coruña foi unha das entidades participantes na carreira que a Fundación ENKI organiza cada ano na cidade herculina.
Nesta edición de 2026, celebrada o pasado sábado 17 de outubro, Down Coruña encheu de amarelo o percorrido entre a praza de María Pita e O Parrote cun equipo de 105 persoas caracterizadas de minions.
O grupo reuniu a persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, as súas familias, o equipo profesional da entidade e numerosas amizades. Unha representación fiel do que é Down Coruña: unha comunidade na que cada persoa suma e na que a participación se vive en primeira persoa.
A xornada transcorreu entre música, risos e complicidade, e culminou co recoñecemento da Fundación ENKI ao equipo da entidade Down. Como recompensa á súa gran participación, desfrutarán do Premio Fin de semana de Aventura, unha experiencia de lecer compartido que xa se espera con ilusión.
Desde Down Galicia queremos felicitar a todas as persoas que formaron parte deste equipo e agradecer á Fundación ENKI o seu compromiso cun deporte aberto a toda a sociedade.