Iris Curra e David Da Silva, dous mozos membros da asociación Down Vigo, participaron a pasada fin de semana na gala de entrega dos VII Premios Ardán á Excelencia Empresarial, organizados pola Zona Franca de Vigo.
Foron 14 as empresas galardoadas na edición deste ano, na que Iris e David desempeñaron tarefas de persoal de apoio durante o evento.
Entre o público asistente atopábanse tamén membros da xunta directiva e profesionais da entidade, consolidando a relación institucional tanto co Consorcio Zona Franca de Vigo como co tecido empresarial da provincia.
Entre as premiadas destacan varias empresas colaboradoras de Down Vigo como Rodavigo, que conta no seu cadro de persoal con tres persoas que asisten á área de Emprego con Apoio da entidade.
A gala, presentada pola xornalista Paula Montes, reuniu preto de 500 representantes do mundo da empresa, da economía, da sociedade civil e das institucións. O delegado do Estado para a Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou que «os premios Ardán son unha das radiografías máis completas e rigorosas do tecido empresarial galego». Pola súa banda, o alcalde de Vigo e presidente da Zona Franca, Abel Caballero, sinalou que «estes premios Ardán recoñecen a capacidade de emprendemento, de innovación e a aposta permanente pola excelencia empresarial da área de Vigo». O evento concluíu coa conferencia do analista económico Gonzalo Bernardos, profesor de Economía na Universidade de Barcelona, e co concerto da violonchelista e compositora viguesa Margarida Mariño.
Desde Down Vigo destacan a importancia de dar visibilidade á profesionalidade que demostran nos seus postos de traballo as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, que a través da inclusión real na sociedade achegan un valor real ao mercado laboral, participando de maneira activa en todos os ámbitos da sociedade.