Mar Rodríguez, nova presidenta de Down España trala renovación da súa xunta directiva

O pasado fin de semana, Down España celebrou a súa Asemblea Xeral Extraordinaria, un encontro no que as asociacións membro da Federación elixiron a nova Xunta Directiva que as representará ata 2030.

A nova presidenta, Mar Rodríguez, estará acompañada por Nieves Doz, de Down Huesca, e Marta Sánchez, de Down Sevilla e provincia, como vicepresidentas; Pilar Sanjuán, de Down Lleida, como secretaria; Francisco Muñoz, de Down Andalucía, como tesoureiro; e Gema Cabanes, de Down Caminar – Ciudad Real; María Inés Fernández, de Down Principado de Asturias; Rodrigo Hernanz, de Down Segovia; María Óñez Martín, de Down Inclusión Madrid21 e Paloma Santolalla, de Down Córdoba, como vogais.

 

Destino 2030 coas persoas con síndrome de Down no centro

A nova Xunta Directiva inicia o seu mandato cun programa centrado na participación e no liderado das persoas coa síndrome de Down. Entre os seus principais obxectivos destacan “garantir que as persoas do colectivo poidan construír o seu propio proxecto de vida; promover unha educación e un emprego inclusivos; asegurar apoios de calidade en todas as etapas vitais; e situar a Down España como referente en innovación inclusiva e accesibilidade cognitiva”.

Mar Rodríguez, doutora en Psicoloxía e Máster en Integración, desenvolveu a súa carreira no ámbito da discapacidade, tanto no eido laboral como no da investigación. É irmá dunha persoa coa síndrome de Down, Carlos, e preside Down Ávila desde 2016. A nova presidenta asegura afrontar o seu novo cargo na Federación “cunha grande responsabilidade e compromiso, e coa seguridade de contar cun gran equipo que loitará para defender os dereitos e os proxectos de vida das persoas coa síndrome de Down”.

Durante a xornada, as asociacións agradeceron o traballo da anterior Xunta Directiva, en especial a Mateo San Segundo, presidente da entidade durante os últimos oito anos.

San Segundo sinalou que “o balance destes anos é moi positivo”. Na súa despedida, o xa ex-presidente mostrou o seu agradecemento “ás familias, aos compañeiros da Xunta Directiva e aos profesionais de Down España polo seu apoio e compromiso durante estes anos”.

Ademais, San Segundo expresou os seus “mellores desexos para a nova Xunta Directiva” e mostrouse convencido de que “traballarán ao máximo para cumprir con todos os retos pendentes”.

Ir o contido